A portavoz de Emprego do Grupo Popular, Noelia Pérez, amosou a representantes da Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos de Ourense (Atave) o compromiso da Xunta cunha prevención laboral real, útil e adaptada a todos os sectores produtivos de Galicia, “porque a seguridade no traballo é prioritaria”. Neste sentido, pediu que o Goberno central rectifique e incorpore ás comunidades autónomas no proceso de modificación da Lei de prevención de riscos laborais, xa que “son as que coñecen de primeira man as necesidades reais dos centros de traballo e dos sectores produtivos de cada territorio”.
“Galicia non pode quedar calada nin fora dunha mesa de negociación, na que están presentes Goberno central, sindicatos e empresarios, onde se decide unha lei que aplicamos todos os días, polo que seguiremos traballando para que se respecte o autogoberno de Galicia, o noso tecido empresarial e, sobre todo, a saúde e a seguridade das persoas traballadoras”, incidiu Noelia Pérez.
No seu encontro cos representantes da Atave, a portavoz popular lembrou que BNG e PSdeG se opuxeran no Parlamento de Galicia á demanda ao Goberno central para que incorporara ás comunidades autónomas no proceso de modificación da Lei de prevención de riscos laborais, “dando as costas aos intereses das empresas e dos traballadores galegos”.
Neste sentido, afirmou que “defendemos que unha lei fundamental para a seguridade laboral das persoas non se pode reformar desde un despacho de Madrid sen contar con quen está cada día nos centros de traballo e co Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia e as administracións que teñen que aplicar posteriormente a normativa”.