O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, amosou hoxe, ante o vicesecretario xeral de Facenda do Partido Popular, Juan Bravo, “a firme determinación de Galicia e do Goberno galego para rebelarnos contra esa inxustiza chamada quita da débeda, que non é outra cousa que pretender endosar aos galegos as obrigas económicas acumuladas por outras comunidades que non fixeron ben o seu traballo no pasado”.
No comezo dunha visita realizada á Cámara de Comercio de Santiago xunto a Juan Bravo, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o deputado e portavoz do PP de Santiago, Borja Verea; e a presidenta da entidade, María Pais, Alberto Pazos puxo de manifesto “a gran diferenza existente entre un Goberno galego sólido e respaldado por unha maioría parlamentaria suficiente; e un Goberno central débil e sometido permanentemente á chantaxe dos seus socios parlamentarios”.
QUITA DA DÉBEDA PERVERSA
“Esta diferenza concrétase en cuestións importantes, como o feito de que o Goberno galego teña previsto aprobar a vindeira semana os orzamentos da Xunta para 2026, que posteriormente serán enviados ao Parlamento para a súa tramitación parlamentaria e conseguir que os galegos teñan unhas contas públicas acaídas á realidade do momento que estamos vivindo; fronte a un Goberno nacional que, por terceiro ano consecutivo, está fora dos prazos para intentar presentar un proxecto de orzamentos que sexa debatido nas Cortes”, indicou o portavoz popular, quen lembrou que “no que vai de lexislatura estatal o Goberno de Pedro Sánchez non foi capaz de cumprir a súa obriga de presentar un orzamento en prazo en ningún momento e o último que se aprobou foi no ano 2022”.
Alberto Pazos centrouse na intención do Goberno central de impoñer unha quita da débeda ás comunidades autónomas e afirmou que “é tan perversa que están intentando sustentala nunha serie de medidas que non teñen soporte: a máis grosa é dicir que imos dispoñer de máis de 4.000 millóns de euros para todo tipo de gastos en Galicia, unha flagrante mentira porque os galegos non poderíamos dispoñer deses cartos para incrementar o volume de gasto”. Neste sentido, incidiu que “o que Galicia precisa non é unha condonación inxusta da débeda, senón un novo sistema de financiamento, que é o que lle estamos reclamando desde hai anos ao Goberno de España”.
“Galicia non se vai dobregar e por iso o Goberno galego no seu último consello tomou a decisión de presentar un recurso contra esta quita da débeda”, indicou o portavoz popular, quen trasladou ao responsable nacional do PP que “os populares de Galicia non imos ceder ante este chantaxe, por moito que as forzas parlamentarias da oposición nos deixen sos”.
PEDRO SÁNCHEZ NON SE TOMA EN SERIO O PAÍS
Pola súa banda, o vicesecretario de Facenda do PP criticou que o Goberno de Sánchez carece de “vontade firme” de aprobar os orzamentos e tampouco “se toma en serio” a xestión do país. “España non funciona, se lle paran os trens, se apaga a luz e esas son algunhas das consecuencias de cando alguén non xestiona”, dixo.
Neste sentido, criticou ao Goberno central por non ter presentado aínda as contas deste ano, o que afecta a servizos básicos como a sanidade, a educación e as políticas de emprego. Neste sentido, afirmou que “non ten sentido que o Goberno actual teña tres presupostos e cinco prórrogas en sete anos”.
Juan Bravo avogou por un sistema de financiamento autonómico compartido coas comunidades tanto gobernadas polo PP como polos socialistas, adaptado á realidade socioeconómica actual e que contemple a reestruturación da débeda.