5 de xullo de 2023. O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, acompañado dos viceportavoces Paula Prado e Alberto Pazos, reuniuse esta tarde coa Pleno do Consello da Avogacía Galega, encabezado pola súa presidenta, Lourdes Carballo, para analizar a situación deste sector, sobre todo en asuntos relacionados coa conciliación familiar e a mellora das xubilacións das mutualidades.
Como membro do equipo redactor do programa electoral do PP para as vindeiras eleccións xerais, Pedro Puy informou que este documento recolle varias cuestións de interese para o colectivo de avogados de Galicia e de toda España.
Un dos aspectos que máis interese suscitou entre os representantes do Consello da Avogacía foi o punto do programa do Partido Popular no que se recolle expresamente que “se analizará a situación dos mutualistas alternativos en aras a promover, xunto ás mutualidades, unhas condicións de xubilación dignas”.
Así mesmo, Puy indicou que un futuro Goberno de Alberto Núñez Feijóo aprobará unha Lei de dereito de defensa, coa participación dos colexios profesionais; ao tempo que se facilitará a conciliación da vida laboral e familiar de avogados e procuradores.
Por último, estenderase a nivel estatal a regulación da quenda de oficio e da asistencia xurídica gratuíta para contemplar expresamente este dereito nas persoas xurídicas, así como que a intervención dos profesionais designados de oficio sexa indemnizada sempre que realicen actuacións.