A deputada do Grupo Popular Noelia Pérez animou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia a BNG e PSdeG “a consultar o Diario Oficial de Galicia para comprobar todas as medidas impulsadas polo Goberno galego para loitar contra o reto demográfico, fixar poboación no rural, impulsar o emprego ou facilitar a conciliación familiar e laboral”.
Noelia Pérez criticou á oposición por “pretender convencer aos galegos de que a xente queda ou regresa a Galicia por arte de maxia ou por inspiración divina, cando a verdade é que o fai porque aquí hai políticas activas, rigor institucional, oportunidades e porque vivimos nunha comunidade que ofrece estabilidade, servizos e futuro”.
Neste sentido, criticou que nacionalistas e socialistas non apoiaran a Lei de impulso demográfico de Galicia “porque dicían que reducía a súa visión ao enfoque natalista, a mesma lei que agora, sen cambiar unha coma, aseguran que non é o suficientemente natalista”. “A deriva do seu discurso lévaos ao absurdo e cambios de opinión continuos e a defender unha cousa hoxe e mañá á contraria”, apuntou.
LEI PIONEIRA
“Detrás das súas contradicións e das súas desacreditacións, o que realmente hai é unha lei que foi pioneira, que está a funcionar e que inspirou medidas noutras comunidades autónomas, algunhas delas incluso gobernada polos socialistas”, salientou a deputada popular.
Máis en concreto, Noelia Pérez explicou que “no Diario Oficial de Galicia están publicadas todas as accións reais para loitar contra o reto demográfico, fixar poboación no rural, impulsar o emprego ou facilitar a conciliación, a través de programas específicos para atraer e reter á mocidade; incentivos ao emprendemento e ao retorno de galegos no exterior; axudas á natalidade, á conciliación e á corresponsabilidade; medidas para o acceso á vivenda; ou actuacións de mellora dos servizos públicos básicos nos concellos máis pequenos”.
Porén, criticou que “o que contribúe directamente a desertizar o rural, a frear o desenvolvemento de moitas comarcas galegas e non axuda a combater o reto demográfico son medidas adoptadas polo Goberno de Pedro Sánchez como o desmantelamento do transporte público, como a eliminación de frecuencias de tren en A Gudiña ou as paradas de autobús de rutas nacionais; avanzar no peche de cuarteis da Garda Civil no rural; ou a falta de médicos de familia, pola irresponsabilidade do Goberno central ao non atender as demandas feitas desde a Comunidade galega”.