Os deputados do Grupo Popular salientaron estes días, nas visitas realizadas a diferentes puntos de Galicia afectados polos incendios forestais, a importancia dos traballos preventivos na loita contra o lume e a necesidade de que os veciños soliciten canto antes as axudas habilitadas pola Xunta.
Así, Ángel Rodríguez e Magdalena Pérez visitaron o monte veciñal Cruz de Avelá en Dodro (A Coruña); Raquel Arias e Katy Varela, xunto a deputados do Congreso, percorreron Quiroga (Lugo); Felisa Rodríguez e Miguel Fidalgo mantiveron un encontro con veciños do lugar de Barreiros en A Cañiza (Pontevedra); e Víctor Baladrón e José Luís Ferro desprazáronse ata a comunidade de montes de Cabreiroá en Verín (Ourense).
17 OFICINAS DE INFORMACIÓN
“O Goberno galego é consciente da importancia destes traballos de prevención e mostra disto foron os arredor de 50 millóns de euros que destinou este ano para a realización de traballos de prevención de incendios forestais, o que representa un incremento do 35 por cento nos últimos dez anos.
Os deputados populares incidiron que “o Goberno galego estivo, está a estará ao carón dos afectados polos incendios, tanto no momento no que ardía o monte como agora poñendo á súa disposición un completo paquete de axudas que xa poden solicitar desde o pasado luns 1 de setembro”.
En concreto, os interesados teñen á súa disposición 17 oficinas de información distribuídas por toda Galicia nas que lles asesorarán e facilitarán a realización das solicitudes, así como o teléfono de información 012 onde poderán consultar calquera cuestión relacionada co procedemento de solicitude.
Estas axudas poderán destinarse tanto para a reconstrución das vivendas que sufriron danos a consecuencia dos incendios, como para a reposición do mobiliario ou os utensilios domésticos afectados. Ademais, hai achegas específicas para a reparación ou substitución de bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción das explotacións agrarias; a adquisición de alimentación complementaria para o gando en extensivo ou para as colmeas superviventes nas zonas afectadas, así como indemnizacións pola morte de gando ou abellas; ou a reparación dos danos causados en pistas forestais, captacións de auga, cerramentos, bebedoiros ou comedeiros.
“É o momento de valorar os danos e facer as correspondentes solicitudes de axuda, tendo presente o compromiso do Goberno galego de axilizar o máximo posible a súa tramitación para que os afectados polos incendios poidan recuperar, na medida do posible e no menor tempo posible, a súa normalidade”, sinalaron.