Os deputados do Grupo Popular Cristina Sanz e José Manuel Mato animaron hoxe aos propietarios de comercios locais de Lugo a solicitar as axudas da Xunta de Galicia para a realización de proxectos de innovación, dixitalización e mellora da súa sostenibilidade. O prazo de presentación de solicitudes comezou no día de onte e estará aberto ata o vindeiro 16 de febreiro.
Cristina Sanz e José Manuel Mato visitaron a Ferretería MP de Paradela e explicaron que estas axudas contarán este ano cun orzamento que ronda os 4 millóns de euros. Os interesados poden optar por varias liñas de subvención, desde as melloras dirixidas á dixitalización e innovación comercial, ata a modernización das instalacións, ou a sostenibilidade ambiental a través da redución das cantidades de embalaxe dos produtos ou na utilización de materiais reciclados.
Durante a campaña de axudas realizada en 2025, un total de 112 comercios de toda a provincia de Lugo se beneficiaron de subvencións, recibindo máis de 675.000 euros en axudas.