Os deputados populares María Deza e Raúl Santamaría animaron hoxe aos concellos galegos a sumarse ao programa de oferta de solo residencial das entidades locais posto en marcha pola Xunta de Galicia, a través do que se pon a disposición de promotores e cooperativas espazos de titularidade municipal a través dun concurso para a súa adxudicación co obxectivo de destinalo á construción de vivenda protexida.
María Deza e Raúl Santamaría visitaron o concello de Porriño, un dos municipios galegos que amosaron o seu interese por participar neste programa de vivenda da Xunta, onde mantiveron un encontro co seu alcalde, Alejandro Lorenzo, e varios concelleiros desta corporación, quen lle trasladaron a súa vontade de poñer en marcha medidas que faciliten o acceso á vivenda dos seus veciños.
VIABILIDADE PARA A CONSTRUCIÓN
“O Goberno galego pretende facilitar marcos de colaboración estable e con recursos para que os concellos, en función das súas necesidades e capacidades, podan participar activamente nas políticas de vivenda”, manifestou a deputada popular, quen concretou que nesta liña enmárcase este programa de oferta de solo residencial das entidades locais para a construción de vivenda protexida.
En concreto, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), a Xunta asumirá os traballos de elaborar os pregos de bases que rexerán a adxudicación das parcelas e tramitar os correspondentes procedementos; publicar os anuncios da licitación na páxina web do IGVS; designar aos membros das Mesas de licitación, entre os que se pode incluír un representante da entidade local; efectuar a valoración técnica das ofertas presentadas polas persoas licitadoras; e elaborar as propostas de adxudicacións dos contratos. Pola súa parte, os concellos ditarán as correspondentes resolucións de adxudicación dos contratos.
María Deza apuntou que, como complemento a este programa, o IGVS ten articuladas axudas a promotores e cooperativas para a construción de vivenda protexida, “o que sen dubida axudará a conseguir a viabilidade da construción de vivendas nestes solo públicos ofertados polos concellos, como pode ser o exemplo de Porriño”.