O Partido Popular de Galicia anunciou hoxe, na reunión da Xunta Directiva de Novas Xeracións de Galicia, a convocatoria do IX Congreso da organización xuvenil dos populares galegos para o próximo mes de novembro.
Na xuntanza, que estivo presidida pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente saínte, Adrián Pardo; acordouse ademais a designación dun Comité Organizador do Congreso (COC) no que estarán representadas as catro provincias galegas.
Adrián Pardo destacou na súa intervención que “durante estes anos Novas Xeracións de Galicia se consolidou como a organización político-xuvenil máis grande de toda a Comunidade”, ao tempo que enxalzaba “a importancia de iniciar este proceso de renovación para seguir sendo a organización que máis se parece á mocidade galega”.
O tamén deputado autonómico sinalou que “fronte a uns partidos que só ven na xuventude un caladoiro de votos, para o PPdeG a mocidade é un eixo fundamental e vertebrador do seu proxecto político e isto materialízase nas políticas do Goberno galego”.
“Neste día tan especial para min, quero dar as grazas a toda a xente que me acompañou nesta aventura porque sen eles estes anos non terían sido o mesmo”, finalizou un emocionado Pardo.
Pola súa banda, a secretaria xeral do PPdeG cualificou a Adrián Pardo como “unha peza imprescindible” da formación e destacou del “a súa capacidade para facer equipo, a súa humildade e a súa responsabilidade”.
Neste sentido destacou que, aparte de ser deputado autonómico máis mozo do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, tamén foi o que máis iniciativas propias presentou nesta lexislatura.
A número dous dos populares galegos aproveitou tamén a ocasión para lanzar unha mensaxe a todos os membros de Novas Xeracións de Galicia: “Grazas a todos os que nos vosos territorios, e a pesar da vosa idade e outras ocupacións, dedicades o voso tempo a engrandecer o proxecto do PPdeG”.
Ignacio Cadrecha será o encargado de presidir o Comité Organizador do Congreso xunto a Rafael Penide (A Coruña), Sara Ruiz (Lugo), Abelardo Rodiño (Pontevedra) e Elena Corral (Ourense).