Santiago, 16 de decembro de 2021.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento galego demandar ao Goberno galego que estenda o Servizo de Hospitalización a Domicilio á totalidade da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza antes de que remate o primeiro trimestre do ano 2022.
A portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo, explicou que “a través da hospitalización a domicilio proporciónase no mesmo domicilio do paciente os coidados que recibiría no hospital, evitando estancias prolongadas nos centros hospitalarios”.
En Galicia, as primeiras unidades de hospitalización a domicilio creáronse nos hospitais Juan Canalejo (1987) e no Xeral de Vigo (1990). “Agora mesmo, abarca xa gran parte do territorio e todos coñecemos que o obxectivo é acadar canto antes a totalidade da xeografía galega”, sinalou. O pasado ano foron ingresados máis de 6.400 pacientes no servizo de hospitalización a domicilio, sendo a idade media dos pacientes atendidos de 72 anos, e as patoloxías máis frecuentes as afeccións respiratorias seguidas das neoplasias.
“Ademais, co propósito de impulsar esta alternativa de hospitalización, a Xunta creou o pasado mes de febreiro a categoría de persoal médico de hospitalización a domicilio, de forma que Galicia converteuse na primeira comunidade do Sistema Nacional de Saúde que dota a estas unidades dunha categoría propia”, salientou Encarna Amigo.
Desde 2019 creáronse 33 novas prazas nos servizos de hospitalización a domicilio, ás que o vindeiro ano sumaranse outras seis novas prazas cuxa creación xa está prevista nos orzamentos da Xunta que se aprobarán a vindeira semana.