Santiago, 23 de marzo de 2021.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Pleno do Parlamento galego a toma en consideración da proposición de lei pola que se modifica do decreto 2/2015 para incluír mecanismos correctores e obxectivos nas convocatorias públicas de I+D+i para evitar a discriminación e a penalización no caso de maternidade, paternidade ou permisos temporais de embarazo, coidado de persoas dependentes ou lactación.
A viceportavoz popular, Paula Prado, saudou o consenso acadado nesta proposta lexislativa, porque “a base dos grandes logros está no consenso, e cantos máis participemos máis forza facemos e máis difícil é que ninguén cuestione os avances que conseguimos as mulleres”.
Paula Prado subliñou que desde o PPdeG “queremos avanzar para acadar a igualdade real, e sempre que se fagan propostas que supoñan un avance na igualdade de oportunidades entre homes e mulleres van a atopar ao Partido Popular”. Porén, lembrou que “lexislar non é a garantía suprema de que non se produzan discriminacións”, pero apuntou que “temos a obriga de poñer en marcha todos os mecanismos que impidan que a ningunha muller lle prexudique a maternidade na súa traxectoria profesional, académica ou investigadora”.
AUTONOMÍA DA UNIVERSIDADE
Na súa intervención, a viceportavoz popular lembrou que “a universidade goza de autonomía para adoptar medidas en materia de igualdade”, pero destacou os avances conseguidos nos últimos anos “grazas á colaboración entre a Xunta e as universidades en materia de fomento e divulgación da igualdade no sistema universitario galego”.
Deste xeito, explicou que nas convocatorias de 2021 de axudas predoutorais e posdoutorais introducíronse unha serie de melloras con respecto a convocatorias anteriores dirixidas precisamente para evitar a discriminación de xénero. “Por primeira vez este ano se introduciron criterios obxectivos, novidosos e diferenciadores neste sentido, que non existen en ningunha convocatoria de investigación de ningunha outra comunidade autónoma nin tampouco do Estado”, salientou.
Paula Prado concretou que “na actualidade calquera investigador pode escoller se se presenta á convocatoria deste ano ou á do vindeiro 2022, segundo máis lle interese en función da súa situación persoal e particular”. Ata o de agora só podía presentarse a unha das dúas convocatorias e sempre que tivera obtido a avaliación positiva que era obrigatoria, requisito que quedou eliminado. Polo tanto, afirmou que “a Xunta está aplicando por primeira vez unha flexibilidade que duplica as posibilidades de elección de calquera investigador e rebaixa os requisitos para acceder a un contrato de formación postdoutoral”.
“Galicia é a única comunidade autónoma de España que por primeira vez instaurou unha puntuación adicional para compensar aos candidatos que estean en baixa laboral co obxectivo de rachar coa discriminación á hora de acceder a estas bolsas”, indicou.