Santiago, 11 de maio de 2018. O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación no Parlamento de Galicia dunha proposición non de lei a través da que se demanda á Xunta acometer de xeito urxente as obras de dragado do Porto Chico de Foz. “Asumimos a necesidade de maior calado neste porto, para o que Portos de Galicia xa iniciou os estudos necesarios”, indicou o deputado popular Daniel Vega.
Na súa intervención, Vega explicou que o Porto Chico de Foz é unha zona xeográfica cunha tramitación ambiental especialmente complexa e rigorosa dado que neste estuario converxen tres catalogacións ambientais europeas: Lugar de Interés Comunitario (LIC), Zona de Especial Protección Ambiental (ZEPA) e Rede Natura.
PRECAUCIÓNS
“As precaucións requiridas por unha actuación destas características alongan os procesos de tramitación previos a calquera proxecto de repercusión medioambiental, como é unha dragaxe, nesta zona”, sinalou.
Deste xeito, o deputado popular informou que Portos de Galicia ten realizado unha batimetría na zona de Porto Chico co obxectivo de establecer as condicións das dinámicas do fondo mariño na zona e a acumulación de sedimentos, estudos que servirán de base para os trámites ambientais necesarios para a dragaxe.
Daniel Vega salientou, ademais, que Portos de Galicia iniciará nas vindeiras semanas a terceira dragaxe do porto de Foz, unha actuación que suporá un investimento superior aos 500.000 euros. “Esta obra da resposta ás demandas trasladadas polo Concello e o sector pesqueiro de Foz, que centraron as súas demandas na dragaxe do peirao principal, sen descartar outras actuacións neste municipio da Mariña lucense”, apuntou.