Santiago, 20 de decembro de 2017.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento galego a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a defender a redefinición do Corredor Atlántico de Mercadorías, de xeito que incorpore e priorice a conexión ferroviaria dos portos galegos de Vigo e A Coruña co seu trazado español actual, a través de Monforte, León e Palencia.
Ademais, establécese o ano 2018 como referencia para acadar esta redefinición, de xeito que poida incluírse o seu financiamento no próximo período comunitario de programación.
A iniciativa aprobada hoxe inclúe, así mesmo, que o Goberno central traslade esta demanda á Comisión Europea, ao Parlamento Europeo, ao Consello Europeo, ao Comité Económico e Social Europeo e ao Comité das Rexións; ao tempo que se demanda o impulso da colaboración doutras comunidades autónomas, concellos e deputacións provinciais para avanzar nesta proposta.
INTEGRACIÓN PARA COMPETIR
A deputada popular Julia Rodríguez lembrou que na negociación levada a cabo en outubro de 2011 para a revisión da Rede Transeuropea de Transporte, xestionada polo ex ministro socialista de Fomento José Blanco, “resultou que Galicia e todo o noroeste peninsular quedaban fóra do Corredor Atlántico de transporte de mercadorías, aínda que se incluían na rede básica”.
“O feito de quedar fora do trazado do Corredor Atlántico, deixa Galicia á marxe da modernización ferroviaria e lastra os nosos portos, ao impedir que sexan mais competitivos fronte a outros como os vascos ou o portugués de Leixoes”, sinalou. Deste xeito, Julia Rodríguez considerou “fundamental a integración das infraestruturas ferroviarias galegas no Corredor Atlántico de Transporte de Mercadorías para a competitividade das nosas empresas e dos nosos portos; en definitiva, é fundamental para mellorar a competitividade e a capacidade loxística de Galicia”.
UNIDADE E FORTALEZA
A deputada popular manifestou que “a importancia de que se inclúa no trazado do Corredor Atlántico a liña ferroviaria Palencia-León-Monforte, que continúa por Ourense cara os portos de Vigo e A Coruña, xunto coa transcendencia que tería para os nós loxísticos de A Coruña, Vigo e o Porto Seco de Monforte, fai que o noso interese estea en acadar a maior unidade e fortaleza na defensa desa inclusión”.
Neste sentido, sinalou que “o Goberno galego non só está a defender a inclusión de Galicia no Corredor Atlántico, senón que o está facendo conxuntamente con outras comunidades como Asturias ou Castela e León”.
“A incorporación de novos corredores non se fai de modo arbitrario, senón que é resultado dunha serie de negociacións para a revisión do regulamento da Rede Transeuropea, que se fai para cada período determinado, polo que consideramos que esta redefinición do Corredor Atlántico de Mercadorías deberá levarse a cabo na primeira revisión dos corredores que se realice desde a Comisión Europea”, explicou.