Santiago, 1 de febreiro de 2018.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación no Parlamento galego dunha proposición non de lei a través da que se esixe ao Goberno central unha equiparación das políticas e modalidades tarifarias no transporte ferroviario en todo o territorio galego, así como unha ampliación das frecuencias horarias desde Ourense para mellorar a comunicación con Compostela e A Coruña.
A deputada Marta Nóvoa salientou que tanto o Eixo Atlántico ferroviario como o corredor a Ourense teñen experimentado un importante incremento de usuarios desde a súa posta en marcha. “Porén, e a pesar de que se trata dunha competencia estatal, desde a Xunta e o PPdeG continuaremos a traballar para que se ofreza o mellor servizo aos cidadáns, solicitando a Renfe que continúe coa mellora das tarifas e dos servizos ao ritmo que as demandas e as necesidades dos cidadáns o requiran”, apuntou.
Neste sentido, recoñeceu que “os servizos ferroviarios entre Ourense e Santiago teñen un prezo máis elevado e, polo tanto, demandamos que se harmonicen para toda a Comunidade galega”, ao que se suma o feito de que “ten algunha deficiencia nas frecuencias e na súa organización”.
Dirixíndose aos deputados de En Marea, Marta Nóvoa subliñou que “a sociedade galega quere o AVE”, polo que demandoulles que “por unha vez, polo ben de Galicia, póñanse no lado de apoiar a chegada do AVE a Galicia e á provincia de Ourense, e deixen de votar en contra de iniciativas relacionadas con esta e outras infraestruturas galegas”.