Santiago, 24 de febreiro de 2021- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento a ampliación do centro de saúde de Cedeira xa que “a vontade da Xunta é a de atender as necesidades asistenciais do concello e poder levar a cabo esa ampliación” indicou a portavoz de Sanidade, Encarna Amigo, e para eso “requirimos o compromiso do Alcalde para que axilice a modificación puntual e as pertinentes autorizacións que lle permita a Xunta dispoñer dos terreos”.
A portavoz popular recordou na súa intervención na Comisión de Sanidade do Parlamento que “nunca na historia de Galicia se presentara un orzamento cun nivel de investimento tan alto, que pon de manifesto que a Atención Primaria é unha prioridade para a Xunta”. Así recordou que nos orzamentos representa un 31,2% de todo o gasto sanitario que fai a Xunta de Galicia, “que cun total de 4.587M€ aumentou en 478 M€ que van permitir seguir reforzando e mellorando a excelente Sanidade que temos en Galicia e que no transcurso destes tremendos meses de pandemia que estamos atravesando puxeron de manifesto a súa fortaleza” .
“No referente a investimentos os orzamentos en Primaria practicamente se duplican neste 2021, pasando dos 175M€ aos 350M€ o que vai a supoñer un enorme exercicio loxístico para os servizos de contratación, obras e equipamentos do Sergas” indicou Encarna Amigo sinalando que “hai fondos a disposición para redactar proxectos de novos centros de saúde de vilas que o teñen demandado pero que aínda non achegaron unha proposta viable de terreos sobre os que edificalo e que teñen a garantía de que, se o fan, haberá fondos para financiar a redacción do proxecto”.
A maiores, indicou a portavoz popular “no proxecto de orzamentos para o 2021 hai unha partida de 1,1ME a que se recorrerá en canto exista un acordo firme de calquera concello que cumpra cos trámites para ceder os terreos necesarios e viables para poder construír un novo centro de saúde”.