Santiago, 3 de marzo de 2021.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación no Parlamento galego dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a que adopte todas as medidas ao seu alcance para evitar o traslado do centro operativo de rede norte de Naturgy a Madrid, ao tempo que se obriga á empresa, como primeiro subministrador eléctrico de Galicia, a garantir a calidade do seu subministro eléctrico en toda a Comunidade galega.
A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, lembrou que “tanto o Goberno galego como o PPdeG non estamos de acordo coa decisión de Naturgy de trasladar o seu centro operativo a Madrid, desde o que se supervisa o funcionamento de toda a rede eléctrica galega e coordina a todo o persoal de mantemento e avarías”.
MANTEMENTO DO EMPREGO
“O Goberno galego xa comunicou ao comité de empresa que trasladou a Naturgy a súa oposición ao traslado deste centro operativo, solicitándolle que se pronuncie sobre o emprego que se manterá en Galicia”, sinalou.
Marta Nóvoa asegurou que “nos preocupa moito que Naturgy cumpra os compromisos laborais en Galicia e non podemos esquecer ao falar desta empresa a solución industrial para Cerceda tras o peche da central de Meirama, autorizado polo Goberno de Pedro Sánchez”.