Santiago, 25 de xaneiro de 2017.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación dunha proposición non de lei no Parlamento galego, logo dunha transacción co Grupo Socialista, a través da que se solicita á Xunta ampliar ás etapas de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e bacharelato a liña xa emprendida pola Consellería en formación profesional, poñendo, á maior brevidade posible, un conxunto de instrumentos e ferramentas informáticas que permitan a elaboración das programacións didácticas acorde co modelo curricular vixente.
O portavoz de Educación subliñou que “unha programación ten que ser unha folla de ruta da actividade docente nunha materia ou área determinada, pero non como simples obrigas estándares senón como pautas que están directamente relacionadas con contidos pedagóxicos, pero tamén directamente relacionadas coas circunstancias reais e particulares de cada grupo de alumnos”.
Neste sentido, apuntou que “a Consellería xa está traballando nesta idea, para poñer en marcha neste mesmo ano un proxecto de novas ferramentas de apoio á elaboración de programacións didácticas en infantil, primaria e secundaria”. Ademais, subliñou que “Galicia foi pioneira na aplicación de novas tecnoloxías no sistema educativo, así como na posta en marcha dun sistema de intercambio de unidades e material didáctico entre os docentes galegos”.
NOVAS FERRAMENTAS DE AXUDA AOS DOCENTES
“No seu momento, a Xunta tamén foi pioneira na posta en marcha dunha plataforma dirixida á elaboración das programacións didácticas de formación profesional”, lembrou o portavoz popular, quen sinalou que “agora pódense poñer en marcha novas ferramentas de axuda aos docentes na planificación da súa actividade”.
“O obxectivo principal, no que xa está a traballar a Xunta, baséase na axuda aos centros para a elaboración destas ferramentas, con pautas metodolóxicas en concordancia co currículo de cada etapa, pero sempre respectando a liberdade de cátedra e autonomía dos docentes dentro do marco curricular”, explicou.