Santiago, 28 de marzo de 2018.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a incrementar os programas formativos encamiñados a preparar adecuadamente aos membros dos distintos colectivos do servizo público de incendios para facerlle fronte ás novas tipoloxías do lume.
O voceiro de Montes, José Silvestre Balseiros, lembrou que “a Consellería do Medio Rural xa vén celebrando xornadas formativas dirixidas ao persoal do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais da Xunta”. En concreto, indicou que nas últimas xornadas participaron profesionais dos distritos de Santiago e Barbanza en A Coruña e da Rúa e Xinzo de Limia en Ourense.
MEDIDAS DE PROTECCIÓN
Balseiros explicou que nestas xornadas “faise especial fincapé nas medidas de protección para afrontar o labor do persoal dos distritos, centrándose en aspectos como a seguridade, as comunicacións, a loxística ou a coordinación cos medios aéreos”. As convocatorias están abertas á participación de técnicos, axentes, bombeiros forestais, condutores de motobomba, emisoristas e vixilantes.
Así mesmo, o voceiro popular demandou á Xunta que impulse as charlas formativas de concienciación medioambiental, de xeito que nun prazo razoable se acade o obxectivo de que chegar á totalidade dos rapaces antes de que rematen a ensinanza obrigatoria.
CENTROS DE REFERENCIA
José Silvestre Balseiros indicou que os centros de formación e experimentación agroforestal (CFEA) da Consellería do Medio Rural “convertéronse nos últimos anos en centros de referencia para a impartición dos ciclos formativos da formación profesional de base na familia profesional agraria”.
En concreto, o CFEA de Sergude é o único que imparte os ciclos formativos de grao medio e superior de gandería; os CFEA de Lourizán e Becerreá están especializados nos ciclos formativos forestais; e o CFEA de Guísamo, nos ciclos formativos de xardinería e paisaxísmo.