Santiago, 28 de abril de 2022.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación no Parlamento de Galicia dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a considerar ás persoas que sofren adiccións ao xogo e apostas a ser tratadas dende o Servizo Galego de Saúde, asumindo a súa condición de pacientes do sistema a todos os efectos.
A deputada popular Marta Rodríguez-Vispo lembrou que a Xunta “segue a traballar na nova Lei do xogo de Galicia”, aínda que lembrou que “se fixeron 12 regularizacións e na actualidade non se pode abrir ningún local de xogo máis na Comunidade galega”.
“Porén, é necesario recoñecer que a situación nos últimos anos mudou considerablemente, e hoxe o maior problema está no xogo on-line, pola repercusión que ten sobre a xente nova”, indicou Rodríguez-Vispo, quen indicou que a regulación desta modalidade de xogo é competencia do Goberno do Estado.
ATENCIÓN ÁS PERSOAS ADICTAS
Así mesmo, a deputada popular explicou que o Sergas “presta atención ás persoas que presentan unha adición derivada dun trastorno aditivo a través de 23 unidades asistenciais ambulatorias, ao tempo que participa do financiamento de programas no eido sociosanitario a través de entidades non gubernamentais”.
Marta Rodríguez-Vispo apuntou que a Xunta “xa anunciou a posta en marcha do proceso para a elaboración dun Plan de adicións de Galicia, que se trasladou o pasado mes de marzo ás entidades colaboradoras do Plan galego contra a droga”. “Un dos aspectos sobre os que é preciso traballar é o de actualizar o catálogo de servizos asistenciais e o sistema de xestión para mellorar a integración da actividade levada a cabo sobre todas estas persoas adictas ao xogo en toda a rede”, engadiu.