Santiago, 3 de outubro de 2017.- O Grupo Popular apoiou esta mañá no Parlamento galego a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a negociar co Arcebispado de Santiago, no marco da comisión mixta Xunta-Igrexa Católica, a retirada das inscricións franquistas que aínda permanecen nas fachadas das igrexas no máis breve prazo de tempo posible.
O deputado popular Alberto Pazos afirmou que “no Partido Popular estamos a favor do cumprimento da Lei, neste caso da Lei de memoria histórica que obriga a retirar símbolos ofensivos da etapa franquista”.
EXPEDIENTES
Deste xeito e máis en concreto, o Grupo Popular apoiou que Xunta e Arcebispado de Santiago negocien a retirada das inscricións franquistas existentes na igrexa de Santiago de Cangas antes de finais do ano 2017, estendendo esta negociación a todas aquelas inscricións similares que existente nas fachadas das igrexas.
Así mesmo, o acordo establece que, no caso de que a Igrexa non amose disposición a colaborar, as administracións públicas inicien os correspondentes expedientes para ordenar a retirada destas inscricións, considerando a súa dobre condición de símbolos de exaltación do franquismo e de atentados contra o patrimonio.