O Partido Popular de Galicia considera que a mocidade galega ten que ser parte activa na construción do futuro non só da nosa Comunidade, senón tamén de Europa. Por iso márcase como obxectivo trasladar a súa voz a Bruxelas e facela así “protagonista da Europa de hoxe e de mañá”.
Así quedou claro esta tarde no Micro Aberto organizado en Bruxelas polo Grupo Popular no Parlamento Europeo e no que participaron o eurodeputado Adrián Vázquez, a presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, e unha trintena de representantes da organización xuvenil do PPdeG.
Grueira subliñou que Bruxelas é un lugar clave onde se toman decisións que afectan ao día a día da mocidade galega, a cal, na súa opinión, precisa acción e compromiso por parte de Europa. Por iso considera fundamental aprender sobre os retos que enfronta a Unión Europea e explorar de que maneira a voz da mocidade pode influír nas decisións clave.
Entre estes asuntos clave destacou a protección do lobo e o seu impacto no rural, así como as políticas agrarias e pesqueiras que condicionan tanto o futuro dos concellos galegos como o relevo xeracional no campo. Avogou tamén por unha transición ecolóxica adaptada ás necesidades de Galicia, que “respecte e non condene” e faga fronte ao problema do despoboamento.
Pola súa banda, Adrián Vázquez insistiu en que a mocidade é “protagonista da Europa de hoxe e de mañá” e destacou o inmenso talento que hai en Galicia: “A mocidade galega ten a mirada cargada de futuro e é importante que parte desa mirada se dirixa tamén a Europa”.
O eurodeputado lalinense tamén quixo poñer en valor que “Galicia está facendo as cousas ben en Europa” grazas a un Goberno como o de Alfonso Rueda, que “entende perfectamente que o que pasa en Bruxelas afecta tamén no noso territorio”.