Santiago, 9 de decembro de 2020.- O portavoz de Patrimonio Cultural do Grupo Popular, José Luís Ferro, asegurou hoxe no Pleno, no debate de totalidade do proxecto de Lei de museos, que “Galicia precisaba dunha norma que regulase este sector con flexibilidade e mirando ao futuro, que dotase de seguridade xurídica e potenciase a actividade desenvolvida no eido dos museos e que tivese en conta a dimensión plural da súa función dentro dunha sociedade moderna e democrática”.
Ferro manifestou que esta nova lei presenta aos centros museísticos “coa perspectiva contemporánea que esixen os tempos actuais, centros dunha función ampla, plural e integradora dentro dunha sociedade tamén plural e democrática, centros que, máis aló da clásica vertente cultural, son potentes activos económicos e sociais”.
NORMATIVA TÉCNICA
Na súa intervención, concretou que a futura lei “será a primeira normativa específica que regulará esta materia na Comunidade galega” e apuntou que se trata “dunha norma claramente técnica, que nace co obxectivo de estruturar o funcionamento interno das 94 institucións museísticas rexistradas en Galicia, nas que se inclúen tanto centros de titularidade pública como privada”.
“Apóstase pola implementación das novas tecnoloxías nestas dotacións, co dobre obxectivo de facilitar o acceso da cidadanía ao patrimonio museístico, pero tamén co fin de introducir sistemas integrados de información, documentación e xestión que melloren o funcionamento destes centros”, sinalou.
O portavoz popular engadiu que o obxectivo desta nova lei é “impulsar os museos galegos como activos de referencia no plano social, científico, educativo e económico, e con esta finalidade a Xunta ten previsto investir 36 millóns de euros ata 2022 para garantir o funcionamento destas dotacións”.