Santiago, 9 de maio de 2017.- O portavoz de Cultura do Grupo Popular, César Fernández Gil, asegurou hoxe no Parlamento que o Goberno galego “actuou, actúa e actuará sempre en defensa dos intereses xerais de Galicia, e no caso do Pazo de Meirás velaremos sempre polo escrupuloso cumprimento da lexislación, garantindo a posibilidade de que todo aquel que o desexe poida visitalo, tal e como implica a declaración de BIC que ten este espazo”. “Nun Estado de Dereito as leis aplícanse a todos por igual, con independencia da opinión que poidamos ter das persoas concretas ás que en cada caso afectan”, afirmou.
No debate da proposición de lei presentada por En Marea para a devolución ao sector público do Pazo de Meirás, que o propio portavoz deste grupo considerou de «difícil encaixe legal”, César Fernández explicou a negativa do Grupo Popular a apoiala porque “o ámbito propio deste debate debería ser o do Congreso dos Deputados, cámara na que En Marea ten representación”.
En concreto, o portavoz popular sinalou que En Marea “incorre nunha notable imprecisión á hora de redactar o obxecto da proposición de lei”. “Falan de incoar, no prazo máximo de seis meses, as actuacións necesarias para a devolución do Pazo de Meirás ao sector público, pero non din nada en concreto sobre se o que se pretende é un procedemento de expropiación forzosa”, indicou.
Ademais, manifestou que “deixan nunha absoluta, e ao meu criterio intencionada, indefinición tanto quen debe ser o suxeito expropiante coma os aspectos referidos ao procedemento expropiatorio, feito este que nos permite plantexarnos serias dúbidas en relación coa garantía do dereito da propiedade previsto na Convención Europea de dereitos Humanos de Roma do ano 1950”.
POUCO RESPECTO AO PRINCIPIO DE LEGALIDADE
César Fernández criticou que a proposición trate “dunha forma pouco respectuosa co principio de legalidade a definición de administración expropiante”. Así, dixo que “falan da creación dunha comisión cuatripartita composta por representación do Estado, Xunta de Galicia, Deputación Provincial e Concello de Sada para a tramitación coordenada e interadministrativa da solicitude de devolución, pero esquecen que un constructo destas características elimina a seguridade xurídica do procedemento expropiatorio, xa que, conforme á normativa vixente, o procedemento expropiatorio debe estar atribuído claramente a unha administración determinada”.
En terceiro lugar, o portavoz popular criticou que en En Marea propoña “unha fórmula inédita en dereito para regular o destino da propiedade do pazo e as fincas de Meirás”. “A creación dun ente público consorcial de certas administracións públicas, que tampouco concretan, parece unha manifestación máis da sorprendente redacción dunha proposición de lei que podería dar lugar a numerosos conflitos xurídicos que, por afectar a un dereito fundamental como é o dereito de propiedade, poderían devir en procedementos non só ante o Tribunal Supremo e o Tribunal Constitucional, se non tamén ante o Tribunal Europeo de dereitos Humanos”, indicou.
VISITAS AO PAZO
César Fernández lembrou que o Pazo de Meirás foi declarado ben de interese cultural no ano 2008 e lamentou que “pasaron máis de dous anos ata que se produciu a apertura deste espazo ao público, un período no que a Xunta defendeu con rotundidade o cumprimento da legalidade e a apertura do pazo ao público que quixese visitalo consonte ao regulamento de visitas, segundo o cal o pazo debe abrir ao público alomenos catro días ao mes”.
Así mesmo, recordou que a Xunta incoou no 2016 un expediente informativo para dirimir se os propietarios do Pazo de Meirás estaban a incorrer en incumprimento da normativa no que atinxe ao réxime de visitas, “un expediente que sigue a súa tramitación e que amosa o compromiso indubitable do Goberno galego co cumprimento da legalidade e coa defensa dos intereses xerais de Galicia”.