Santiago, 11 de xuño de 2019.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, asegurou hoxe no Parlamento que “as solucións para os problemas da atención primaria están ben encamiñadas co anunciado plan galego e o Consello Técnico de atención primaria” e salientou que “a maioría das reivindicacións dos grupos da oposición xa están incorporadas a este plan galego”.
Aurelio Núñez lembrou que “os problemas fundamentais da atención primaria son dous: a escaseza de médicos de familia e pediatras e o envellecemento da poboación e a cronicidade que provoca este envellecemento”.
GALICIA, PIONEIRA
Neste sentido, indicou que a oposición “demanda cotas de 1.250 tarxetas sanitarias por facultativo, limitar a 30 o número de pacientes por día ou unha duración mínima de 10 minutos por consulta, pero poderíanme dicir como xestionarían esa hipotética situación que demandan? e ata onde chegarían as listas de espera de atención primaria se fosen cumpridas todas as súas peticións?”.
“Sexamos serios, porque esas solucións non son viables na actualidade en Galicia, nin no resto de España, co número de médicos de familia dos que se dispón na actualidade”, asegurou.
O portavoz popular salientou que “Galicia foi pioneira, xunto co País Vasco, no desenvolvemento dun plan de atención primaria para mellorar o servizo que se presta aos cidadáns e resolver o problema do déficit de facultativos” e avanzou que “esta mesma semana está prevista unha xuntanza do Consello Técnico para poñer en marcha as medidas a curto prazo contempladas neste plan”.
Así mesmo, Núñez Centeno apuntou que “de 87 médicos de familia MIR que remataron este ano, 78 quedaron a traballar en Galicia e cinco máis incorporáronse doutros hospitais; e de 19 pediatras que remataron o MIR, quedaron na Comunidade galega e incorporáronse outros dous máis”.