O deputado do Grupo Popular Ángel Rodríguez Conde asegurou hoxe no Pleno do Parlamento que “nunca antes o Servizo de Prevención dos incendios forestais de Galicia foi tan único, tan estable, tan profesionalizado e tan equipado”. Así mesmo, apuntou que no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga) “actualízase anualmente a listaxe e o mapa de parroquias de alta actividade incendiaria para poder establecer mecanismos máis adecuados na loita contra os incendios forestais”
Ángel Rodríguez lembrou que o Goberno galego do PPdeG “emendou a catastrófica xestión con SEAGA e integrou na xunta as brigadas que socialistas e nacionalistas crearon cando gobernaron, ao tempo que ampliou de tres a seis e de seis a nove meses o tempo de traballo do seu persoal fixo-descontinuo e completou a funcionarización de dous terzos do persoal laboral”.
“Nunca o Servizo de Prevención dos incendios forestais estivo tan profesionalizado a través dunha clara aposta pola formación teórica e práctica do seu persoal”, subliñou o deputado popular, quen tamén destacou o equipamento deste servizo “cun reforzo de medios e materiais como EPIS, vehículos de brigadas e motobombas, ou a rede de bases, que o sitúan como un dos mellores de España”.
AXUDAS PARA PREVIR DANOS
Así mesmo, dentro das medidas que se están a facer desde a Consellería do Medio Rural, o deputado popular referiuse á ampliación a 5,4 millóns de euros as axudas para previr os danos causados por incendios ou desastres naturais en montes de agrupacións forestais de xestión conxunta, como en montes veciñais en man común. En concreto, estas actuacións subvencionadas céntranse fundamentalmente no control de biomasa en áreas devasa e faixas auxiliares de pista, buscando reducir a carga de combustible presente no monte e establecer zonas con discontinuidade horizontal ou vertical.
Por outra banda, Ángel Rodríguez lembrou que os mapas de combustibles forestais “serán un dos produtos resultantes do inventario forestal continuo de Galicia, froito da integración de datos recollidos tanto en campo como a través de fontes de teledetección, permitindo caracterizar con detalle a estrutura da vexetación e a dispoñibilidade da biomasa en Galicia”.