Santiago, 24 de xaneiro de 2017.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, asegurou esta tarde no Pleno do Parlamento que “o Hospital de Ourense e o seu servizo de urxencias está dotado dun cadro de persoal axeitado, que foi mellorado nestes últimos anos e que vai mellorar máis coa apertura do novo edificio de hospitalización”.
Aurelio Núñez explicou que “urxencias é un servizo cunhas características distintas ao resto, que coñecemos todos os profesionais, e cuns pacientes en moitos casos sometidos a unha carga emocional importantísima”. Referíndose en concreto ao Hospital de Ourense, indicou que ten unhas dependencias cunha capacidade axeitada ao número de casos que recibe, que foron reformadas e ampliadas no ano 2015 creando unha nova sala de diagnóstico e tratamento cunha capacidade máxima para 27 pacientes”. Esta actuación sumouse á realizada en 2013 cando se puxo en funcionamento unha nova unidade de alta precoz, para pacientes que precisan unha observación superior a 24 horas.
Así mesmo, o portavoz popular subliñou que na actualidade “estase a rematar o novo edificio de hospitalización, que vai contar con mais camas das actuais e cunhas mellores condicións de habitabilidade para os doentes”. “En Ourense vaise rematar coas habitacións de tres, e vai ter un aumento da cifra de camas do hospital”, asegurou.
Respecto do persoal sanitario que traballa no Hospital de Ourense, Núñez Centeno sinalou que “ten un número de internistas axeitado ás circunstancias demográficas da súa poboación, en concreto o mesmo número de especialistas que no Hospital de Santiago e máis que no Hospital de Vigo”. O persoal de Urxencias está dentro dos criterios de máximos que indica como óptimos a Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emergencias, sen que houbera redución de persoal nos últimos anos.
Para rematar, Aurelio Núñez lembrou que “a día de hoxe xa está instalada a telemetría”, polo que o Grupo Popular rexeitou apoiar a demanda realizada neste eido desde En Marea.