Santiago, 13 de novembro de 2019.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos asegurou hoxe no Pleno do Parlamento que o proxecto de Cidade Deportiva do Celta de Vigo en Mos “só sairá adiante se cumpre escrupulosamente a legalidade vixente”. Así mesmo, criticou que o Grupo Común da Esquerda “traslade ao Parlamento galego unha proposta para incumprir a lei, antepoñendo os intereses dun grupo político sobre a vontade dos veciños de Mos”.
Alberto Pazos comezou a súa intervención pedindo “respecto para Mos, para a súa corporación municipal, para a súa alcaldesa e, sobre todo, para os mosenses, que son cidadáns informados, intelixentes e libres para tomar as súas propias decisións, sen tutelas de ninguén”. “Os veciños de Mos tomaron unha decisión nas pasadas eleccións municipais e foi darlle a maioría absoluta ao partido que apoia o proxecto da Cidade Deportiva do Celta”, indicou.
MENTIRAS E MANIPULACIÓNS
“E tomaron esta decisión, a pesar das mentiras sobre unha suposta destrución de superficie forestal, a pesar de que se reforestará con especies autóctonas dous metros por cada metro de monte afectado; sobre unha suposta afectación ás captacións de auga; ou chegar a inventar unha empresa municipal de augas, creando recibos falsos con importes inflados que enviaron aos domicilios, suplantando ao Concello de Mos para enganar, alarmar e manipular aos veciños”, lembrou.
Na súa intervención, o deputado popular explicou que Mos está tramitando a primeira modificación puntual do seu Plan Xeral, “seguindo escrupulosamente os trámites legais previstos na normativa”. Deste xeito, manifestou que esta modificación “conta co informe favorable do secretario municipal, da Intervención municipal, do arquitecto municipal e do Ministerio socialista de Transición Ecolóxica”
“Pero, ademais, a proposta que o Grupo Común da Esquerda quere vetar, sen máis apoio legal que a súa propia opinión, debe ser fiscalizada polos servizos técnicos da Xunta, e só sairá adiante se cumpre escrupulosamente a legalidade vixente”, asegurou.
Pazos afirmou que “Mos non é a vía de servizo de ningunha gran cidade, senón un concello autónomo que aspira a darlle un futuro aos seus veciños”. “Porque de iso vai este proxecto: de darlle un futuro a Mos, do mesmo xeito que o Concello de Vigo pretende abrir catro novos centros comerciais no seu municipio”, apuntou.