Santiago, 25 de xuño de 2019.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez, asegurou hoxe no Pleno que “a planificación para o verán do Sergas inclúe ter habilitadas o número suficiente de camas en previsión das necesidades dos anos anteriores, cun suplemento dunha porcentaxe das mesmas para cubrir calquera eventualidade e tamén coa posibilidade de facelas operativas se circunstancias excepcionais así o fixeran preciso”.
Aurelio Núñez lembrou que durante o verán de 2018 houbo unha ocupación media das camas hospitalarias do 75,77 por cento, cando estaban habilitadas o 88 por cento. “Para este verán, a porcentaxe de camas que estarán funcionantes incrementarase lixeiramente ata o 88,3 por cento”, apuntou.
6.000 NOVAS PRAZAS E EVENTUALIDADE DO 5%
Respecto das prazas de persoal sanitario, o portavoz popular lembrou que “Galicia convocou todos estes anos OPEs ata un total de 6.000 prazas, e tense asinado coas organizacións sindicais un plan de estabilización ata acadar unha eventualidade do 5 por cento no ano 2020”.
Neste sentido, reiterou a demanda para que o Goberno central elimine a taxa de reposición, “porque no proxecto de orzamentos do Estado pactado por PSOE e PODEMOS non figuraba a eliminación da taxa de reposición para sanidade, aínda que si o facía para a administración local ou universidades”.
Aurelio Núñez tamén falou na súa intervención das listas de espera e asegurou que “o Goberno galego cumpre a lei e publica os datos da lista de espera estrutural cada seis meses”. “En Galicia temos, ademais, un decreto de tempos máximos, que garante unha atención para os procesos programados e non urxentes nun tempo máximo de 60 días para cirurxías e 45 días para primeiras consultas externas de hospital, así como para probas diagnósticas e terapéuticas”.
Na súa intervención, criticou as “falacias repetidas ata a saciedade” polos grupos da oposición respecto da lei de garantías sanitarias, que cualificaron de “privatizadora e feita para favorecer ás empresas sanitarias amigas pero que realmente non ten precisado unha soa intervención ou proba na sanidade privada, nos procesos incluídos no decreto de tempos máximos”.
“En Galicia, a espera cirúrxica media foi no pasado ano de 61,6 días, a máis baixa desde que hai rexistros e situando á Comunidade galega como a cuarta de España con mellores tempos en espera cirúrxica”, salientou Núñez Centeno.