Santiago, 6 de febreiro de 2019.- A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, asegurou hoxe que a residencia de maiores de Trives “é obxecto dun rigoroso control por parte da inspección de Servizos Sociais da Xunta de Galicia”. En concreto, apuntou que, “como consecuencia da última inspección realizada no pasado mes de xaneiro, o persoal inspector realizou unha proposta de expediente sancionador por incumprir a ratio de persoal de atención directa aos usuarios, ademais de propoñer unha nova inspección de seguimento no prazo de tres meses”.
Marta Rodríguez explicou que a residencia de maiores de Trives é titularidade da Mancomunidade das Terras de Navea-Bibei e conta con 59 prazas de carácter privado, ningunha delas concertada coa Xunta de Galicia.
INCUMPRIMENTO E EXPEDIENTE SANCIONADOR
“Como resultado do constatado polo persoal inspector nas actas levantadas como consecuencia das inspeccións realizadas no centro, a residencia de maiores de Trives foi obxecto dun seguimento periódico”, manifestou a portavoz popular, quen indicou que “a última inspección realizouse o pasado mes de xaneiro”.
Esta inspección constatou un incumprimento da ratio de persoal de atención directa, “pero si cumpría o esixido respecto ao persoal médico e ATS ou DUE, xa que nesa data o centro contaba só con 13 persoas usuarias dependentes”, indicou.
Como consecuencia desta última inspección, o persoal inspector realizou unha proposta de apertura de expediente polos incumprimentos constatados, ademais de propoñer nova inspección de seguimento no prazo de tres meses.