24 de xaneiro de 2023. A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, asegurou hoxe no Parlamento galego que “todos os acordos e resolucións adoptados polo Goberno galego en desenvolvemento e execución do concurso eólico de 2010 compren estritamente coa legalidade, e así o avalan todos os informes emitidos pola Asesoría Xurídica da Xunta”.
Neste sentido, criticou a “decisión unilateral” do Goberno de Pedro Sánchez de “poñer unha data para a presentación da declaración de impacto ambiental dos proxectos eólicos, causando unha avalancha de proxectos e provocando que agora caduquen os permisos porque é imposible tramitalos”.
Marta Nóvoa defendeu que “as sentenzas ditadas demostran que a seguridade xurídica do concurso eólico de 2010 está blindada, e ratifican a legalidade e a constitucionalidade da Lei eólica impulsada polo actual Goberno galego”. Lamentou que o BNG “dea por válidas unha serie de suposicións do seu interese, sen esperar a que se pronuncie a Fiscalía, porque o único propósito dos nacionalistas é seguir buscando escusas para continuar coa súa campaña de bloqueo ao desenvolvemento eólico de Galicia, empregando todas as plataformas e instrumentos ao seu alcance”.
PERDA DE PERMISOS
Ademais, apuntou que o apoio dos PSdeG a estas propostas do BNG demostra que “non teñen criterio propio e, ao igual que o PSOE en Madrid, teñen deixado de ser un partido constitucional para estar ao servizo de populistas e independentistas”.
A portavoz popular explicou que “o principal causante da avalancha de proxectos eólicos, e de que caduquen porque é imposible tramitalos, é o goberno de Pedro Sánchez”. Así, dixo que “aprobaron un Real-Decreto en 2020 que puxo data de caducidade a todos os proxectos que non tivesen a declaración de impacto ambiental, o que provocaría que perdesen os permisos de acceso e conexión á rede eléctrica”.
“Isto provocou unha avalancha de proxectos que fixo que se solicitara en Galicia o triplo de potencia eólica da que temos instalada”, manifestou Marta Nóvoa, quen engadiu que “todo isto foi porque lle entrou a presa por instalar renovables, logo de non facer unha planificación enerxética axeitada e fiar todo ao gas, para o que xa se prevían subas de prezo cuantiosas”. “O Goberno de Pedro Sánchez quixo axilizar tanto que incluso sacou outro real decreto contradicindo a Lei básica de impacto ambiental, quitando as declaracións de impacto ambiental da tramitación dos proxectos e tirando por terra toda esa protección ambiental, da que os socialistas galegos ata fai ben pouco presumían”, dixo.