O Partido Popular de Galicia incide na súa aposta por coidar do medio ambiente sen sectarismo ideolóxico e avoga por estender a Europa o modelo da nosa Comunidade, compatibilizando a conservación natural co desenvolvemento socioeconómico dos habitantes dos espazos naturais protexidos.
Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, os populares galegos quixeron salientar e poñer e valor a riqueza paisaxística e natural de Galicia realizando unha visita aos Penedos de Pasarela e Traba, entre os concellos coruñeses de Laxe e Vimianzo.
O acto estivo encabezado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o candidato Francisco Millán Mon e nel participaron tamén a responsable de Medio Ambiente e Cambio Climático do Goberno galego, Ángeles Vázquez, a coordinadora de Medio Ambiente do PPdeG, Marisol Díaz Mouteira, e alcaldes e voceiros da comarca.
A elección do escenario non foi casual xa que, aparte de ser un lugar que destaca polo seu grande interese xeolóxico e por albergar miradoiros naturais únicos, trátase da primeira paisaxe protexida galega que contará cun plan de xestión co que se busca precisamente garantir o desenvolvemento de actividades humanas compatibles coa conservación deste espazo natural.
Este plan permitirá facer unha diagnose precisa do seu estado e dos valores paisaxísticos que é preciso protexer e, en base a isto, establecer as medidas de planificación e xestión que permitan o seu mantemento nun estado de conservación favorable e ao mesmo tempo o uso público do espazo.
Para os populares galegos esta é dunha gran oportunidade para o desenvolvemento das actividades económicas vinculadas ao sector turístico, a hostalaría e o ocio compatibles coa conservación dos seus valores ambientais e paisaxísticos
A RESPOSTA INMEDIATA
Tomando como referencia as actuacións que se levan feito en Galicia nesta materia ao longo destes anos, desde o PPdeG tamén salientan algunhas das medidas incluídas entre as propostas que o Partido Popular impulsará en Europa nos primeiros seis meses de lexislatura.
O compromiso co que os populares se presentan a estas eleccións ao Parlamento Europeo pasa así polo fomento de incentivos económicos e sociais para que tanto empresas como particulares contribúan cos seus hábitos diarios á loita contra o cambio climático.
Propoñen ademais a creación dun distintivo, como xa existe en Galicia, para indicar a calidade no medio rural e premiar contornas estacadas para o turismo e a natureza: as ‘bandeiras verdes’. Un sistema similar ás ‘bandeiras azuis’, que recoñecen as praias de gran calidade turística e que neste tempo amosaron ter un gran impacto na mellora das instalacións turísticas.