Santiago, 4 de xullo de 2019.- A deputada do Grupo Popular Cristina Romero avogou hoxe no Parlamento porque a Xunta “avance na mellora da competitividade do sector do pequeno comercio galego a través da dixitalización, a economía circular e a posta en valor do produto local”.
Cristina Romero lembrou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria disporá este ano dunha partida de 5,7 millóns de euros para impulsar medidas de sensibilización e dixitalización no comercio galego, así como para implantar laboratorios comerciais nas sete grandes cidades galegas nos que se ofrecerá asesoramento personalizado.
A deputada popular manifestou que as mesas locais de comercio “son o lugar de encontro e foro de debate e participación onde teñen voz e voto o comercio de proximidade, os consumidores e os propios concellos”. “Creáronse para coordinarse todos estes actores no deseño e na execución das políticas comerciais que lles afectan, polo que consideramos que este é o ámbito no que corresponde circunscribir a iniciativa de catalogar os comercios emblemáticos de cada localidade”, engadiu.
Respecto da solicitude da oposición de crear un selo de calidade do comercio galego, Romero dixo que “a existencia de moitos recoñementos especiais suporía infravalorar e depreciar a súa propia existencia, perdendo o valor e o distintivo que un selo supón”. Neste sentido, subliñou que “Galicia xa conta cun selo de calidade de enorme prestixio e que representa o mellor saber e facer da Comunidade galega, como o é Galicia calidade”.