Santiago, 23 de outubro de 2018.- A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa Iglesias, avogou hoxe por “esperar á elaboración da Estratexia Nacional de loita contra a pobreza enerxética antes de abordar máis reformas que beneficien aos consumidores vulnerables”.
Así mesmo, criticou que En Marea “veña agora ao Parlamento con iniciativas sobre o bono social eléctrico cando en Galicia se opuxeron á Lei de medidas de eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica e no Congreso á reformulación do bono social impulsada polo Goberno do PP”.
Marta Nóvoa lembrou que o bono social reformulouse en 2016 logo dunha sentenza do Tribunal Supremo que invalidaba o anterior creado en 2009, para incluír a clasificación en tres categorías de consumidores vulnerables, aos que as facturas lle serán subvencionadas en función da renda. “Defendemos este novo bono social que estableceu un marco regulatorio legal para todo este tipo de axudas”, indicou.
MEDIDAS COMPLEMENTARIAS
Así mesmo, dixo que “o actual Goberno central aprobou un Real Decreto hai dúas semanas de medidas urxentes para a transición enerxética e a protección dos consumidores, normativa que foi convalidada o pasado xoves no Congreso e que incorpora medidas que complementan o bono social anterior aprobado polo Goberno do Partido Popular”.
“Aparte de ampliar os baremos do bono actual para incluír o bono térmico, tamén establece un mandato para que o Goberno central aprobe no prazo de seis meses unha Estratexia Nacional de loita contra a pobreza enerxética, na que se contará coas comunidades autónomas, as entidades locais, as asociacións de consumidores, os representantes do sector e as empresas”, explicou.
AXUDAS ÁS FAMILIAS MÁIS VULNERABLES
A nivel galego, a portavoz popular salientou que o Goberno galego “sempre estivo aí axudando ás familias máis vulnerables e foi pioneiro en 2014 coas axudas do tícket eléctrico, pero tamén entendemos que o problema da pobreza enerxética é a nivel nacional e, deste xeito, estamos a favor dunha solución estatal como o bono social”.
Ademais, lembrou que o Parlamento galego aprobou a iniciativa lexislativa popular, co voto en contra de En Marea, de medidas para a eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica, a través da que se garantizaba o pago da metade da factura eléctrica aos consumidores máis vulnerables e se impedía ás compañías subministradoras o corte da luz ás familias máis necesitadas.