Santiago, 8 de febreiro de 2022.- O portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Alberto Pazos, incidiu hoxe no Pleno do Parlamento galego que o PPdeG “cree firmemente no fortalecemento dos servizos públicos que atenden o ámbito social, pero tamén na necesaria aportación dun sector privado emprendedor, dinámico e ben regulado”.
Neste sentido, lamentou que “asistimos a un novo intento do BNG de disfrazar a súa vocación intervencionista, cando en realidade ningunha forza política privatiza máis os servizos públicos de carácter social que os nacionalistas galegos”.
Alberto Pazos lembrou que o BNG “trae hoxe á sesión plenaria o debate dunha proposta da CIG de crear un servizo público galego de servizos de atención ás persoas, integrado por unha rede única pública que os integre a todos, o que non é outra cousa que unha nacionalización do servizo”.
INCREMENTO DE SERVIZOS
Porén, o portavoz popular explicou que “cando falamos de servizos públicos de carácter social, ningunha forza política privatiza máis que o BNG”. En concreto, dixo que o 46,6 por cento dos concellos onde goberna o BNG teñen o Servizo de Axuda no Fogar externalizado, seguido polo 45,5 por cento dos gobernados polo PSdeG e o 29 por cento do PPdeG.
Pazos lamentou que o BNG “minta ao dicir que se están desmantelando os servizos públicos, porque nunca antes houbo tantos nin foron tan fortes”. Así, o portavoz popular salientou que desde 2009 as prazas en centros de día multiplicáronse por catro; en residencias, incrementáronse un 44 por cento; as de discapacidade son un 28 por cento máis; e, ao mesmo tempo, puxéronse en marcha 415 prazas nas casas do maior.