O deputado popular José Luís Ferro remitiu hoxe no Parlamento galego ao PSdeG “a debater no seo da Comisión permanente de Cultura e Educación todas aquelas cuestións que teñan que ver co patrimonio cultural de Galicia, como elemento estratéxico e transversal da política galega, e non crear novos foros parlamentarios para debater cuestións que xa teñen o seu foro parlamentario”.
Ferro salientou que “o Goberno galego é consciente do enorme valor, tanto material como inmaterial, que posúe o noso patrimonio cultural, pois é unha valiosa herdanza que configura a nosa identidade e sobre a que debemos construír a nosa proxección de futuro, conectando a tradición coa vangarda”.
“Á hora de tomar decisións e xestionar o día a día da realidade cultural e patrimonial hai que ter en conta moitos aspectos, e iso é o que fai o Goberno galego, con máis acertos que fracasos”, manifestou, para incidir que “isto non é un sprint, senón unha carreira de fondo”.
O deputado popular afirmou que a Consellería de Cultura “solicita informes ao Consello da Cultura cumprindo escrupulosamente co fixado pola lei, ao tempo que toma todos os estudos que elabora para mellorar as decisións en materia de política patrimonial”.
Así mesmo, avanzou que “haberá que reflexionar pausadamente sobre as conclusións do recentemente publicado Foro Patrimonio e Sociedade, cunha actitude construtiva para seguir avanzando na posta en valor dos bens máis senlleiros de Galicia”.