Santiago, 29 de setembro de 2022.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, avogou hoxe no Parlamento de Galicia por “unha recuperación da memoria democrática das mulleres completa, extensa e inclusiva para facer valer o valor de todas as mulleres que foron quen de traernos ata onde hoxe estamos”.
“Falar de recuperación da memoria democrática das mulleres é falar de todas as mulleres que non tiveron a sorte de vivir a nosa época, onde a loita pola igualdade non é unha consigna, senón que é unha obriga para todo representante político”, afirmou Paula Prado, quen apuntou que “por iso, por todas as mulleres que fixeron historia co seu nome como por esa inmensa maioría de mulleres que tiveron que sufrir durante a meirande parte da súa vida en silencio a represión da ditadura, lles debemos a obriga de esforzarnos por manter a súa memoria viva”.
FIEIS Á LOITA POLA IGUALDADE REAL
Prado puxo de manifesto “a sorte de pertencer ao Partido Popular, unha formación política que é fiel á loita pola igualdade real”. Así, salientou as medidas postas en marcha polos gobernos do PPdeG en materia de igualdade, entre as que citou a constitución do Observatorio Galego da Violencia de Xénero; o incremento das axudas para mulleres vítimas de 2,2 millóns de euros en 2009 a 5,6 millóns en 2019, unha partida que agora é aberta e ilimitada; a posta en marcha do Centro de Recuperación Integral para mulleres vítimas de violencia de xénero; o desenvolvemento do primeiro programa de apoio á inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero; ou situar a Galicia como a primeira comunidade autónoma en regular e garantir mediante un decreto a formación ao persoal da Xunta en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero.
“Somos un partido que defendeu, defende e defenderá sempre ás mulleres con feitos e non só con pancartas, fortalecendo as accións transversais a todas as áreas de goberno a prol da igualdade de xénero e de oportunidades”, rematou.