Santiago, 21 de novembro de 2017.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, César Fernández, avogou hoxe no Parlamento porque as universidades galegas, “en exercicio da súa competencia e da súa vontade, estuden e decidan a ideoneidade de proceder á modificación dos planos de estudo do máster universitario que habilita para o exercicio da profesión docente co obxectivo de introducir unha materia específica en relación coa loita contra a violencia de xénero”.
César Fernández lembrou que “son as universidades ás que teñen que determinar, en cumprimento da normativa vixente, os plans de estudos”, polo que “parece evidente que a Xunta non debe interferir nesta autonomía das universidades, de tal xeito que só debe propoñer ou suxerir a posibilidade, a instancias dun acordo parlamentario, da implementación dunha asignatura específica” en materia de violencia de xénero.
Neste sentido, sinalou que as universidades galegas xa están a impartir os seus máster de profesorado axustados á normativa vixente. “Que non exista unha materia específica non quere dicir que non se forme aos futuros docentes para estar capacitados e poidan actuar en prevención e tratamento integral da violencia de xénero, porque hai varias materias coas que se forma de xeito transversal en coñecementos e, tal e como promove as novas tendencias pedagóxicas e metodolóxicas, en competencias aos futuros docentes”, apuntou.
César Fernández manifestou que “tanto os graos como o máster xa permiten, de acordo cos correspondentes plans de estudos, que se adquiran coñecementos e, sobre todo, competencias na prevención e tratamento integral da violencia de xénero”, ao tempo que a propia Consellería de Educación e Ordenación Universitaria tamén conta con plans de formación permanente do profesorado dirixidos aos profesionais que xa exercen nos centros educativos públicos, nos que se aborda de xeito directo ou transversal a transmisión de competencias en materia de convivencia, resolución de conflitos e en igualdade e loita contra a violencia de xénero.