A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, avogou hoxe no Parlamento de Galicia porque Xunta e Concello de Negreira colaboren para buscar a mellor actuación que permita satisfacer as necesidades do centro de saúde de acordo cos informes técnicos. Neste sentido, urxiu aos responsables municipais “a poñer a disposición da Xunta os terreos necesarios para poder levar adiante a mellor opción para atender as necesidades dos veciños de Negreira: ben a construción dun novo centro de saúde ou a rehabilitación profunda das instalacións existentes”.
Encarna Amigo incidiu que “cando se trata de mellorar a sanidade pública, o Goberno galego non mira siglas, mira ás persoas”, polo que amosou “a disposición da Xunta a colaborar e buscar a mellor solución posible para que os veciños de Negreira conten cunhas instalacións sanitarias seguras, modernas e funcionais”. Deste xeito, considerou que “non é prudente que sexamos os políticos e non os técnicos os que decidamos neste Parlamento se é mellor un novo edificio ou unha reforma integral do centro de saúde existente, porque esa decisión debe vir avalada polos informes técnicos, non pola vontade política dun grupo parlamentario”.
Así mesmo, a portavoz popular lembrou que o centro de saúde de Negreira “é propiedade do Concello, polo que o seu mantemento ordinario é competencia municipal”. “Se o Concello tivese actuado con máis dilixencia nos últimos anos, o estado do edificio do centro de saúde sería moito mellor”, asegurou Encarna Amigo, quen considerou “inxusto que agora se pretenda que a Xunta asuma as consecuencias dese deficiente mantemento”.