O PPdeG eríxese como “o partido das mulleres e do rural” celebrando que cada vez haxa máis mulleres “protagonistas” no eido do liderado e do emprendemento “contribuíndo a construír unha Galicia mellor” desde o rural.
Así o manifestou hoxe a secretaria xeral Paula Prado na visita que realizou ao concello de Agolada para conmemorar o Día da Muller Rural. Unha visita na que estivo acompañada polo coordinador de Medio Rural do PPdeG, Avelino Souto, e a líder local do partido, Carmen Seijas.
“Este día é para dar as grazas a todas esas mulleres que fixeron tanto polo rural galego e para poñer en valor que cada vez hai máis mulleres facendo Galicia no rural”, asegurou reivindicando que o PPdeG é “o partido con máis mulleres que gobernan e a maioría delas en pequenos concellos”.
En total, os populares galegos contan a día de hoxe con 31 alcaldesas, sendo Mariola Sampedro a última en facerse co bastón de mando esta mesma semana en Ribeira. Trátase dunha cifra superior a do PSOE e do BNG e da que chama a atención que “case todas elas teñen unha confianza maioritaria dos seus veciños que supera o 60% de voto”.
Paula Prado trasladou o seu desexo de que nas próximas eleccións a portavoz do PP de Agolada, Carmen Seijas, ao igual que outras voceiras, poida sumarse tamén a esa listaxe e así “impulsar desde o seu Concello, ao igual que fai o presidente Alfonso Rueda desde o Goberno galego, as medidas de promoción da igualdade que caracterizan aos gobernos do PPdeG”.
En contraposición, criticou que o BNG teña o “atrevemento” de chamar “fascista” a unha muller que recibiu un Premio Nobel da Paz —a venezolana María Corina Machado— e que o PSOE se convertera no “partido menos feminista da historia” e protagonice “escándalos cada semana”.
UN PROXECTO VIVO E CON MULLERES PROTAGONISTAS
A visita tivo lugar no ‘Merendeiro do Arnego’, un negocio de hostalaría fundado en 1976 e rexentado por tres xeracións de mulleres: Irene (avoa), Sandra (nai) e Alba (filla). Todas elas son, en opinión de Paula Prado, “un exemplo do labor das mulleres galegas e do emprendemento das mulleres no rural”.
“Este ‘Merendeiro’, como o PPdeG, é un proxecto que se parece a todos os galegos e galegas e que constrúe, coma nós, unha Galicia mellor”, asegurou avogando por “unha Galicia na que o rural siga vivo, a remuda xeracional sexa unha realidade e as mulleres sigan sendo protagonistas”.