O Partido Popular de Galicia celebra o “fito histórico” acadado polo Goberno de Alfonso Rueda ao conseguir a transferencia á Comunidade das competencias sobre a xestión do dominio público marítimo-terrestre por parte do Estado: “Xa podemos dicir que Galicia goberna o seu litoral”.
Así o manifestou hoxe a secretaria xeral do partido, Paula Prado, nunha visita que realizou ao concello de Outes acompañada polo alcalde Fran Calo e o secretario xeral provincial, Evaristo Ben. Unha visita na que subliñou a importancia do acordo asinado onte entre o presidente Rueda e o Goberno central, especialmente tendo en conta o camiño percorrido ata este momento.
“Logo de aprobar a Lei do litoral de Galicia, levamos un ano e medio traballando nesta liña a pesar de contar con non poucos atrancos por parte dun PSOE e un BNG que non nolo puxeron fácil”, afirmou recordando a quen houbo quen asegurou que esta reivindicación era “pouco menos que unha declaración de independencia” e o posterior recurso estatal á norma autonómica no Tribunal Constitucional.
De aí que a secretaria xeral do PPdeG quixera poñer en valor a perseveranza do Goberno galego “traballando día tras día e sen cesar” para conseguir este fito histórico que suporá un antes e un despois para “a comunidade autónoma con máis quilómetros de costa de toda España”.
“O noso litoral non podía seguir sendo xestionado desde un despacho da Castellana, porque son moitas as empresas e particulares que dependen desta xestión directa”, apuntou na mesma liña que o alcalde, quen pola súa banda exemplificou esta problemática coas implicacións que ten para Outes.
Fran Calo incidiu en que “os veciños e veciñas que viven ao carón do mar necesitan seguridade xurídica no relativo a cuestións particulares e profesionais”. É o caso de empresas ubicadas en dominio público marítimo-terrestre, como na zona do Freixo, e que “non podían levar a cabo as súas actividades en condicións” ou a “particulares que non podían edificar na súa parcela a pesar de cumprir todos os parámetros urbanísticos”.
Cuestións de gran relevancia en municipios costeiros como o de Outes e tantos outros na nosa Comunidade. De aí a importancia de que a xestión do dominio público marítimo-terrestre “se faga desde Galicia e para Galicia”, xa que, tal e como concluíu Paula Prado, “para Galicia o mar é riqueza, emprego e vida e os galegos e galegas queremos poder vivir do mar e no mar”.
“NON QUEREMOS SER MÁIS, PERO TAMPOUCO MENOS”
A secretaria xeral do PPdeG avanzou que, unha vez conseguida a transferencia da xestión do litoral, Galicia seguirá reivindicando o traspaso doutras competencias estatais como a da xestión da AP-9 ou a homologación de títulos estranxeiros.
“Seguiremos insistindo para que o Goberno de Sánchez lle dea a Galicia o que está dando a outros territorios, como Cataluña ou o País Vasco. Porque non queremos ser máis que ninguén, pero tampouco queremos ser menos”, indicou apuntando que estas reivindicacións estarán moi presentes no próximo Debate sobre o Estado da Autonomía.
Pola súa banda, o alcalde aproveitou a ocasión para agradecer ao partido que escollera o seu concello, e máis concretamente a praia de Broña, para conmemorar un día tan importante “para os veciños de Outes, para a xente da comarca do Barbanza e para todos os galegos”, xa que o acordo de onte supón “a culminación dun traballo de anos” e que “por fin poidamos xestionar o noso propio litoral”.
Fran Calo recordou o compromiso amosado polo presidente Rueda neste sentido na visita que realizou ao concello en 2023. Un compromiso que, insistiu, hoxe é unha realidade grazas ao “traballo e o esforzo” do Goberno galego.