O Partido Popular de Galicia celebra que tanto o Congreso como o Senado avalaran esta semana por maioría o modelo galego de Sanidade, é dicir, as medidas propostas por Galicia ao Goberno central fronte á falta de profesionais sanitarios en Atención Primaria, especialmente no verán.
Os populares presentaron nas Cortes Xerais sendas iniciativas coas que instan ao Executivo a exercer as súas competencias para solucionar a falta de médicos en toda España, tomando como exemplo gran parte das iniciativas de Galicia.
Tanto o Congreso –176 votos a favor— como o Senado –17 votos a favor en Comisión— aprobaron esixir ao Goberno central que traballe para materializar con extrema urxencia medidas de utilidade real fronte á crítica necesidade dos profesionais sanitarios que existe na Atención Primaria, principalmente para os meses do presente verán.
“Debe cesar a inacción da ministra de Sanidade, a sexta da era Sánchez, que segue sen tomar as medidas necesarias dentro das súas competencias, como a formación de especialistas, as convocatorias de prazas MIR e a autorización de unidades formativas”, sinalan desde o PPdeG.
De igual modo, desde o PPdeG esixen que o Goberno priorice solucionar os problemas existentes na homologación de títulos universitarios e especialidades extracomunitarias, así como posibilitar que os médicos internos residentes de cuarto ano que iniciaron a súa formación en 2020 poidan atender este verán, coa supervisión e os apoios pertinentes, aos pacientes que acoden aos centros de Atención Primaria.
Os populares reclámanlle facelo desde o cumprimento rigoroso da normativa e da repartición competencial vixentes, e desde o consenso real coas comunidades autónomas e a coordinación plena cos representantes dos profesionais sanitarios.
SEN APOIO DE PSdeG E BNG
As mocións saíron adiante sen o apoio do PSOE e do BNG, que “nin en Galicia nin en Madrid son quen de apoiar calquera medida, pero despois son os primeiros que se poñen detrás dunha pancarta e saen á rúa a manifestarse”. “Coa Sanidade, como con tantos temas, son os líderes da hipocrisía”, lamentan os populares galegos.
“Deste xeito, as Cortes Xerais lembráronlle á ministra de Sanidade que si ten competencias e que ten que exercelas”, conclúen.
Cómpre lembrar que xa no último Consello Interterritorial de Sanidade, o conselleiro galego sinalou a súa decepción pola mala planificación da formación MIR por parte do Goberno de España e destacou que o modelo galego de planificación do verán permitirá garantir a asistencia sanitaria fronte á inacción do Ministerio de Sanidade.