O Partido Popular de Galicia congratúlase de que a deputada galega Valentina Martínez sexa premiada coa Orde da Princesa Olga por parte do Goberno de Ucraína en recoñecemento ao seu empeño por mellorar a relación entre este país e España, así como polo seu apoio á súa soberanía e integridade territorial.
A deputada popular no Congreso dos Deputados pola provincia da Coruña e voceira de Exteriores do Grupo Parlamentario Popular na Cámara Baixa, agradece este galardón recoñecendo á súa vez “a loita pola liberdade e a democracia” do pobo ucraíno e a súa “defensa dos nosos valores comúns”.
“Todo este tempo empuxamos ao Goberno de España a estar no lado correcto da historia, apoiando os sucesivos envíos de armas e a candidatura de Ucraína a formar parte da Unión Europea”, reivindica Valentina Martínez antes de contrapoñer ese apoio do Partido Popular “como partido de Estado e de Goberno” coa actitude dos socios de Pedro Sánchez e moi especialmente de Podemos e BNG, contrarios ao envío de armas “apelando a un suposto pacifismo que en nada axuda a resolver o conflito”.
Asegura a responsable de Exteriores dos populares no Congreso que este recoñecemento é un “impulso a seguir traballando na defensa da democracia e da liberdade”; así como no apoio ao ingreso de Ucraína na Unión Europea e na OTAN porque “o valente pobo ucraíno meréceo e Europa débello”.