Os representantes do Partido Popular de Galicia no Senado conseguen que a Cámara Alta avale a demanda dirixida ao Goberno de España para que poña en marcha cinco novos xulgados exclusivos de violencia de xénero en Santiago de Compostela, Ferrol, Ourense, Pontevedra e Lugo.
Na Comisión de Xustiza que tivo lugar esta mañá, a senadora galega e portavoz de Xustiza do Grupo Popular, Pepa Pardo, foi a encargada de defender a moción na que se insistía nesta reclamación –avalada tanto pola Xunta como polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia– e que, lamentablemente, foi aprobada sen contar co apoio nin do PSOE nin do Grupo Plural, ao que pertence o BNG.
“Para previr e combater a violencia de xénero é necesario contar con todos os medios posibles, tanto humanos como materiais. E iso é o que demandamos nesta moción que busca precisamente poñer a disposición das vítimas máis medios xudiciais”, manifestou na súa intervención.
Así mesmo, recordou que esta cuestión estaba tamén recollida nos dous acordos de investidura asinados “e incumpridos” entre o PSOE e o BNG. É máis, no primeiro deles “recollíase especificamente que estes cinco xulgados estarían en marcha en 2024 e xa estamos en 2025 e seguimos sen contar con eles”.
Pardo puxo en cuestión o anuncio de novas unidades xudiciais específicas para o ámbito da violencia sobre a muller realizado polo Ministerio xa que, tal e como advertiu, “as dúas de reforzo da Coruña e Vigo serán a costa da transformación dos xulgados de instrución xa existentes e as de Ourense e Santiago prestarán servizos comarcalizados e non exclusivos e individualizados”.
“Están desvestindo a un santo para vestir a outro”, resumiu afondando na situación de “colapso” e “sobrecarga de traballo” que, tal e como sinalou o propio Consello Xeral do Poder Xudicial, suporá a aplicación da Lei de Eficiencia da Xustiza aprobada polo Goberno –co apoio do BNG– na medida en que “os xulgados existentes terán que asumir máis competencias”.