Santiago, 22 de outubro de 2019.- A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento que “sería inviable un ente público que xestionara as centrais hidroeléctricas da demarcación Galicia Costa, cunha produción total de 520 megavatios”. “A Xunta, de acordo coa lei vixente e baseándose en estudos técnicos elaborados ao efecto, promoverá esta xestión desde a perspectiva do interese xeral, de forma que estes aproveitamentos sexan un activo económico para a Comunidade galega”, indicou.
Marta Nóvoa explicou que “a caducidade das concesións hidroeléctricas é unha cuestión complexa que esixe dunha análise en profundidade e caso a caso, polo que non se pode falar dunha solución xeral porque cada caso ten as súas peculiaridades”. “As decisións a este respecto en todas as concesións virán guiadas polo interese xeral, atendendo en cada caso concreto á súa rendibilidade social, patrimonial e natural”, engadiu.
FÓRMULA ÓPTIMA
No debate da proposición de lei de iniciativa lexislativa popular para unha nova xestión dos saltos e aproveitamentos hidroeléctricos en Galicia, a portavoz popular sinalou que a Xunta “buscará a fórmula óptima para a xestión destes recursos valorando todos os aspectos en xogo e velando para que a explotación dos aproveitamentos reverta directamente no interese público”.
Así mesmo, indicou que “todo o que pretenden modificar con esta proposta lexislativa xa está recollido na lexislación vixente” e apuntou que “calquera cidadán que o desexe pode acceder á documentación, tanto técnica como administrativa, sobre as concesións hidroeléctricas, que son obxecto de publicación nos correspondentes boletíns oficiais”.
“E, por suposto, na páxina web de Augas de Galicia está recollida a relación dos aproveitamentos hidroeléctricos implantados nas bacías hidrográficas de Galicia-Costa en situación de explotación, na que consta a data de finalización do prazo concesional e incluso están as coordenadas para localizar a situación xeográfica de cada aproveitamento”, explicou.