Fabiola García di que os populares seguirán traballando para que os cidadáns dispoñan do apoio que precisan en todas as etapas da súa vida
A vicesecretaria de Servizos Públicos dos populares galegos, Fabiola García, asegurou na constitución da Comisión de Benestar Social do PPdeG que esta ten un obxectivo claro: seguir “escoitando e aprendendo” en novas maneiras de perfeccionar os servizos públicos a disposición da xente para mellorar a súa calidade de vida, “desde o berce ata o bastón”, tanto desde o ámbito autonómico e municipal. Por ese motivo, incorpóranse á Comisión moitas persoas con responsabilidades na política local urbana e tamén rural.
García contrapuxo os que abordan a política social a través de palabras que moitas veces están baleiras de contido; coa forma de actuar dos populares, que o fan a través dos feitos, tomando as decisións necesarias para que cadaquén dispoña do apoio que precisa en todas as etapas da súa vida.
Na mesma liña, incidiu en que o PPdeG está convencido de que se fala facendo e por iso sustenta un Goberno autonómico que leva 13 anos traballando para que a nosa Comunidade dispoña dunha rede social de apoio máis robusta, ampla e moderna que nunca antes.
Tras subliñar que a confianza dos galegos cómpre seguir gañándoa cada día, manifestou que no ADN dos populares galegos está inscrito o espírito de mellora constante. Segundo indicou, nas filas do seu partido, amplo e unido, hai moitas persoas que se incorporaron á política coa vocación de axudar aos demais e que teñen unha experiencia que se pode aproveitar para enriquecer a acción de Goberno ou de oposición.
ESPAÑA MIRA Á POLÍTICA SOCIAL DE GALICIA
A vicesecretaria tamén salientou que toda España mira con atención á política social que se fai en Galicia e resaltou que iniciativas que noutros lados se anuncian como novidosas, aquí levan moitos anos sendo unha realidade.
Nese senso, mencionou medidas como un decreto que regula a etapa 0-3 como unha etapa educativa, que o Goberno anunciou este mércores e que na Comunidade leva en vigor trece anos; o permiso remunerado para coidar de familiares anunciado esta semana pola ministra Belarra, que vai na liña do Bono Coidado e do Respiro Familiar; ou a Tarxeta Benvida, que estes días vén de recomendar a OCDE que se poña en marcha no conxunto de España, cando aquí xa leva seis anos axudando ás familias.
“Outros Gobernos aprenden de nós, pero nós non deixamos nunca de aprender dos galegos”, dixo explicando que os populares seguirán escoitando o que a xente necesita, reflexionando e facendo, xa que ese é o xeito de ser cada día unha Comunidade máis social.
FORMOSO “NON PODE CONTINUAR COA VENDA NOS OLLOS” SOBRE O ‘CASO CUÑADA’
Fabiola García pronunciouse tamén sobre o caso de corrupción que afecta ao PSdeG polo enchufe da cuñada da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. A este respecto, afirmou que o feito de que o funcionario condenado solicite o indulto “sona a guión dunha película de comedia, pero estamos ante un drama democrático”, “o peor caso de corrupción de Galicia dos últimos tempos”.
O novo secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, non pode seguir “coa venda nos ollos, non pode continuar calado”, senón que debe pronunciarse e condenar de forma “dura e drástica” estes gravísimos sucesos.