Santiago, 25 de outubro de 2016.- Desde o Grupo Popular continuaremos defendendo a transferencia da AP-9 a Galicia, un obxectivo de goberno que figura no programa electoral do PPdeG e que desde hai meses conta co respaldo de todos os grupos con representación no Parlamento galego. Porén, consideramos que a reunión mantida hoxe entre A Marea e BNG sobre este asunto é totalmente extemporánea, por varios motivos:
1. En primeiro lugar, a tramitación da proposición de lei aprobada polo Parlamento de Galicia continúa no Congreso dos Deputados. A única novidade é que a Mesa do Congreso solicitou novos informes logo de que o Ministerio de Fomento se opuxera a súa tramitación por razóns orzamentarias e de acordo co previsto na normativa vixente. Polo tanto, a tramitación da proposición de Lei non está paralizada ata que a Mesa do Congreso adopte a decisión definitiva.
2. O PPdeG leva defendendo de forma seria e con rigor esta transferencia, tanto no Parlamento como desde o Goberno galego, desde o ano 2009. Mostra disto son tanto a solicitude directa na Comisión Mixta de Transferencias (ano 2010) como nas alegacións que se presentaron no seu momento ao Plan de Infraestruturas, Transporte e Vivenda 2012-2024 (PITVI) e ao anteproxecto de Lei Estatal de Estradas (ano 2015). En concreto, considerábase que a tramitación desta nova lexislación estatal de estradas era unha oportunidade para habilitar os mecanismos que posibilitasen o cambio de titularidade da AP-9, de forma que se evitasen ambigüidades e diferentes interpretacións por parte de cada administración.
3. Ademais, consideramos que este non é o mellor momento para abordar co Goberno central a transferencia da AP-9, tendo presente que estamos a falar dun Goberno en funcións, que se suma á situación en Galicia onde se está a organizar o Debate de Investidura. Desde o Grupo Popular consideramos máis conveniente esperar a que o novo Goberno central se conforme, así como o Goberno galego, para levar adiante cantas iniciativas consideremos necesarias para intentar corrixir o erro que consideramos están a cometer desde o Ministerio de Fomento negando a transferencia da AP-9.
4. Por último, desde o Grupo Popular avogamos por manter a unidade conseguida coa aprobación da proposición de lei no Parlamento galego, afastando intereses particulares das formacións políticas e velando polo interese xeral de Galicia e dos galegos.Considera totalmente extemporánea a reunión de A Marea e BNG