As deputadas do Grupo Popular Patricia García e Loli Hermelo destacaron hoxe o compromiso da Xunta co transporte metropolitano de Vigo, que se manifesta no mantemento do desconto do 40 por cento no transporte da ría e os beneficios que poden gozar os usuarios dos autobuses autonómicos. “Esta situación contrasta cos recortes nas bonificacións ao transporte público e a suba das peaxes na AP-9 cos que o Goberno de Pedro Sánchez castiga aos galegos”, indicaron.
Patricia García e Loli Hermelo subliñaron que a Xunta “garante a continuidade do desconto do 40 por cento no transporte da ría de Vigo asegurando que as persoas que usuarias das liñas Vigo-Cangas e Vigo-Moaña sigan pagando menos por un servizo esencial”. “Esta decisión evita que milleiros de veciños e veciñas da área de Vigo vexan incrementado o seu gasto mensual en desprazamentos diarios por motivos laborais, educativos ou sanitarios, o que supón un considerable beneficio para o peto destas familias nun contexto de encarecemento xeral do custo da vida”, manifestaron.
MOBILIDADE EFICAZ E ACCESIBLE
“Mentres o Goberno de Pedro Sánchez reduce axudas e xera incerteza entre os cidadáns, a Xunta actúa e asume o esforzo económico necesario para que as persoas usuarias destes servizos de transporte non perdan dereitos”, sinalou Patricia García, quen destacou que esta medida do Goberno galego “reforza unha mobilidade eficaz e accesible na ría de Vigo, consolidando o transporte marítimo como unha alternativa real ao vehículo privado e mellorando a conexión entre ambas beiras”.
Pola súa banda, Loli Hermelo destacou “o constante incremento de viaxeiros que utilizan o transporte público da ría de Vigo, incrementándose o pasado ano nun 20 por cento e consolidando este servizo como eixo clave da mobilidade metropolitana”. “Ademais, a continuidade deste desconto impulsará unha mobilidade máis sostible, reducindo tráfico e emisións, e apostando por un modelo de transporte público moderno e respectuoso co medio ambiente”, dixo.