Santiago, 20 de xuño de 2017.- A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, contrapuxo o feito de que o 96,5 por cento das prazas públicas en escolas infantís estean xestionadas directamente pola Xunta de Galicia, con que o 100 por cento das escolas de competencia municipal en Santiago, Vigo ou A Coruña estean privatizadas.
Rodríguez Arias criticou que os tres grupos da oposición “pretendan construír 24 escolas infantís cun orzamento de 3,6 millóns de euros, cando en realidade serían necesarios máis de 27 millóns de euros”.
NINGÚN NENO SEN GARDERÍA
“O obxectivo da Xunta é garantir que ningún neno quede sen praza de gardería e que todos os concellos conten cun recurso de conciliación”, afirmou a portavoz popular. Neste sentido, concretou que a Xunta ofertará no vindeiro curso un total de 22.439 prazas a través da Rede galega de escolas infantís financiadas con fondos públicos, ás que se sumarán 30 novas casas niño, 12 novas escolas infantís en parques empresariais e polígonos industriais; e 2.600 axudas do bono concilia.
Respecto da atención durante os períodos vacacionais, Marta Rodríguez explicou que a Axencia Galega de Servizos Sociais contempla a apertura dunha escola por concello, independentemente da demanda existente.