Terá representación no Comité de Dirección para garantir que todas as decisións adoptas velen pola non discriminación entre homes e mulleres
O PPdeG prevé reformar os órganos internos do partido para ser «máis áxil e dinámico, e máis aberto e participativo», onde «a igualdade, a formación, a transparencia, as redes sociais e as novas tecnoloxías ocupen un papel destacado», e outorgando «máis protagonismo ás mulleres e a mocidade”.
Así se recolle na ponencia titulada «Un partido aberto, accesible e participativo», coordinada por Paula Prado, con Katy Varela Fernández, Marisol Díaz Mouteira e José López Campos, que se debaterá no seu XVII Congreso, os días 16 e 17 de xullo en Pontevedra.
O documento contempla a creación dunha Comisión Permanente de Igualdade como órgano de debate, asesoramento e participación do PPdeG, coa fin de reafirmar o compromiso nesta materia así como de impulsar políticas baseadas no principio de igualdade.
Dita comisión terá un carácter transversal, e contará con representación no Comité de Dirección do PPdeG, de xeito que todas as decisión adoptadas nel sexan especialmente comprometidas coa non discriminación entre homes e mulleres.
MAIOR PRESENZA MUNICIPAL
No relatorio proponse ademais a creación do Comité de Acción Municipal, como órgano de coordinación e asesoramento do PPdeG nos temas referentes ás políticas locais, dando maior presenza aos representantes políticos que están máis preto do territorio e da súa veciñanza. A súa función será asesorar ao PPdeG en políticas útiles cara a ser merecedores dun maior grao de confianza por parte da cidadanía galega nas vindeiras eleccións municipais.
Neste Comité terán presenza os representantes do partido nas catro deputacións provinciais, sexan presidentes ou portavoces, as alcaldesas e alcaldes, e voceiras e voceiros que fosen a lista máis votada nos Concellos de máis de 10.000 habitantes, así como cinco rexedores propostos pola Presidencia do PPdeG, e un coordinador comarcal por provincia.
O relatorio prevé tamén cambios no Comité das Cidades, que ven funcionando desde o ano 2007. O obxectivo é reforzar a representación singular da poboación urbana, consolidando este Comité como órgano de asesoramento e de proposición de iniciativas que, desde o ámbito das competencias locais, podan ser aplicadas en cada unha das sete grandes cidades. A súa estrutura simplificarase, reducíndose a dous niveis: o Plenario e o Comité de Dirección. Este último será o órgano responsable de marcar a liña política, de sinalar os temas que serán tratados no Plenario e velar polo cumprimento dos acordos.
ÓRGANO DE XESTIÓN E COORDINACIÓN
O Comité de Dirección seguirá a ser o órgano de xestión e coordinación das tarefas ordinarias do partido. Redúcese a súa composición de xeito que estará composto só polas persoas titulares de: a Presidencia do PPdeG, a Vicepresidencia (se houbera), a Secretaría Xeral, as Presidencias Provinciais, as Vicesecretarías Xerais, a Presidencia do Parlamento de Galicia, a Portavocía do Grupo Parlamentario Popular na Cámara galega, a Presidencia da Comisión Permanente de Igualdade, e a Presidencia de Novas Xeracións de Galicia, cando se traten asuntos relativos á mocidade.
Os estatutos inclúen as novidades aprobadas no Congreso nacional do Partido Popular. Entre outras, as referidas a novas fórmulas de participación, como a posibilidade de contar en diferentes órganos coa presenza non só de afiliados senón tamén de simpatizantes.
Tamén se introducen modificacións relativas ao Valedor do Afiliado e ao Consello Consultivo, coa finalidade de adaptarse aos estatutos nacionais, e de potenciar o papel do órgano superior de asesoramento da organización. O Valedor ou Valedora do Afiliado constitúese como canle de comunicación entre as persoas afiliadas e os órganos de goberno do partido, ao que se poden dirixir para formular as súas opinións, reclamacións ou suxestións. As conclusións das actuacións darán lugar a un informe semestral que trasladará á Presidencia e á Secretaría Xeral do PPdeG.
Ademais, os novos estatutos fixan un marco de relación coa Fundación Alfredo Brañas, vinculada ao Partido Popular de Galicia e que, sen ánimo de lucro, terá un papel destacado como foro de debate e canle de formación para seguir a mellorar o proxecto político do partido.
Texto da ponencia:
https://ppdegalicia.com/wp-content/uploads/2021/06/Relatorio_Estatutos_gl.pdf (galego)
http://ppdegalicia.com/https://ppdegalicia.com/wp-content/uploads/2021/06/Relatorio_Estatutos_es.pdf (castellano)