Santiago, 1 de novembro de 2017.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos criticou hoxe “a covardía política e desprezo ao principio constitucional de colaboración entre administracións” amosado pola presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva, ao renunciar a comparecer no Parlamento para explicar os orzamentos desta institución provincial.
“Queda claro que a señora Silva é incapaz de defender a súa xestión en calquera foro no que ela non teña o control da palabra”, incidiu o deputado popular, quen lembrou que “a Comisión 3ª na que se debaten os orzamentos está presidida por un deputado socialista”.
INCOMPATIBLE COA TRANSPARENCIA
Alberto Pazos lamentou que “será a primeira vez, desde o acordo acadado entre todos os grupos en 2007 na etapa do Goberno bipartito e cunha Presidenta socialista no Parlamento, que un presidente ou presidenta dunha deputación provincial se nega a comparecer no Parlamento galego”. “Esta actitude é incompatible coa suposta transparencia da que habitualmente presume a señora Silva”, sinalou.
“Sería interesante coñecer a valoración que fan desta espantada da señora Silva os seus socios nacionalistas na Deputación de Pontevedra, e se manterán a calada por resposta como fan habitualmente ante o proceder despótico que a caracteriza desde a súa chegada ao goberno provincial”, indicou.