Santiago, 7 de xuño de 2017.- O deputado do Grupo Popular Moisés Blanco criticou hoxe a En Marea por “traer ao Parlamento unha proposta para declarar Pena Trevinca como parque natural sen estar sustentada por un gran consenso, nin ter falado coa xente que está nos concellos implicados, coas corporacións locais ou cos alcaldes e alcaldesas que teñen a capacidade suficiente, e as atribucións legais e políticas, para xestionar os recursos dos seus municipios”.
Moisés Blanco lamentou que En Marea “veña cunha proposta de gran calado ignorando todo o traballo feito desde a Xunta de Galicia ou descoñecendo con precisión cal é a protección actual desta fermosa zona”.
PROTECCIÓN TECNICAMENTE SUFICIENTE
En concreto, o deputado popular explicou que Pena Trevinca está incluída na Rede Natura 2000, con figuras de protección como lugar de importancia comunitaria, zona de especial protección para aves e zona especial de conservación. “Ademais, conta cuns indicadores de seguimento que conlevan a necesidade de fixar adicionalmente outras medidas de conservación ou revisar e actualizar as existentes”, apuntou.
Moisés Blanco afirmou que a declaración dun espazo natural como parque natural “debe ser unha medida moi estudada e consensuada, en primeiro lugar cos habitantes dos concellos implicados, que a día de hoxe consideran a figura actual de protección, xunto coa normativa vixente, é tecnicamente suficiente para protexer os valores naturais presentes en Pena Trevinca”.
“Ademais, a declaración dun lugar como parque natural non é unha decisión que debe establecerse á lixeira como pretende En Marea, senón que debe estar xustificada no cumprimento dos requisitos establecidos para esta categoría de espazo natural protexido e pensando no interese de todos, ao tempo que se mantén o necesario equilibrio para que sexa compatible con outros usos e actividades deportivas, culturais, turísticas ou empresariais”, sinalou.
Para rematar, o deputado popular indicou que nesta ocasión “seguen a mesma táctica que coa súa solicitude para que se retiraran as partidas destinadas á construción da A-76 recollidas nos orzamentos do Estado”. “Paréceme ben que se preocupen pola nosa comarca, pero cando presenten iniciativas polo menos vaian aos concellos e falen coa xente e coas entidades, e traten de adaptalas ás demandas reais”, dixo.